Arredor da citania de San Cibrao das Las e Ourantes, en Ourense

A citania de Lámbrica, cunha superficie de case dez hectáreas, non é visible dende o val do río Miño, pois queda oculta polo monte do Santrocado, de altitude maior. 

Podería tratarse dunha estratexia defensiva, xa que as vías fluviais navegables, como era o Miño, suporían certa vulnerabilidade a posibles agresións externas. Ademais, a súa visibilidade cara as terras do Carballiño e de Maside podería servir para o control territorial de xacementos mineiros máis alonxados (Puzo do Lago, Castro Grande de Amarante, montes da Madanela, castros de Mosteiro e Souteliño...). 

O monte do Santrocado, que ten no cumio un pequeno castro, aglutina arredor de si unha serie de xacementos, sendo os máis importantes a citania de Lámbrica e o Castelo de Laias. O monte do Santrocado está dentro dunha zona aurífera e estannífera, con presenza doutros minerais coma o wolframio. A derradeira mina, nas inmediacións de Xinzo, foi pechada nos anos cincuenta do século pasado. 

O Castelo de Laias foi literalmente arrasado polas obras da autovía A-52. Era aínda de maior superficie que Lámbrica e contiña zonas con silos, almacéns de madeiras entrelazadas (cabaceiros?), vestixios de traballos mineiros e lugares de poboamento. As primeiras datacións chegan ata o século VIII (oitavo) antes de Xesucristo. 

Unha calzada unía a porta oriental de Lámbrica cun embarcadoiro no lugar da Barca, tamén moi preto do xacemento mineiro do Castelo. Así, Lámbrica estaba discretamente separada do río, pero sen quedar incomunicada. Pola principal vía fluvial do país, o río Miño, que era navegable ata Camposancos, circularían mercadorías do país, posiblemente minerais e peles, que trocarían por produtos foráneos necesarios para a vida cotiá, particularmente o sal, imprescindible para a conservación da carne, abundante na costa pero inexistente nas terras do interior.

Arredor de Lámbrica, fóra da citania, aínda se poden ver restos romanos, a maioría descoñecidos, como a fonte de Lagharellos, unha fonte monumental abovedada que estivo a piques de ser derrubada polas obras dunha autovía. Ao dano, que foi grande, hai que engadir o abandono ao que está sometida, non habendo moito espazo para o optimismo de cara a súa conservación. 

A ara, ou altar romano, de Eiras, presenta un dos primeiros textos en latín daquela contorna. É de propiedade privada e non visitable. No seu epígrafe parece conterse o nome da  antiga citania, Lámbrica, a pesar de que as opinións máis populares, mal documentadas, decántanse polo falso topónimo *lansbrica. Que conteña o nome da Cidade de Lámbrica non significa que aparecese na citania. A orixe da ara, posiblemente dos séculos II ou III despois de Cristo, está na parroquia de Eiras, moi probablemente nos montes da Ermida.

© F. González Iglesias. Novembro de 2018 - outubro de 2020. Non está permitida a utilización da información orixinal, gráfica, textual ou audiovisual.
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar